Photography

Xan Padrón

Time-Lapse (GAL)

No ano 2011 o fotógrafo Xan Padrón comezou coa súa serie Time Lapse. A súa fascinación polo tempo e o movemento xunto coa súa capacidade de desaparecer detrás da súa cámara levouno a reflexionar sobre canta vida acontece nos lugares aparentemente máis insignificantes dunha cidade.

Time Lapse son retratos humanos de cidades arredor do mundo. Son tamén xestos cotiáns, combinados, que crean unha narrativa única da vida nunha parede, nun lugar do mundo.

Time Lapse é un lugar, un momento.

Para Xan Padrón a detención voluntaria do movemento, onde a acción se converte en observación, levouno a centrarse nunha visión completamente diferente da súa fotografía de rúa, documentando o ecosistema das cidades e atopando a beleza a través da pausa e dos pequenos xestos colectivos e invisibles da vida cotiá.

En Time Lapse Xan Padrón sitúa a súa cámara nun lugar desapercibido, e durante dúas horas fotografa unha secuencia de persoas pasando diante dunha parede única. Time Lapse é un proxecto vivo que inclúe retratos sociolóxicos de cidades coma Nova York, Londres, Beijing, Sydney, Trinidad, Berlín, París ou Medellín.

O proxecto Time Lapse ten sido exposto na sede da Organización das Nacións Unidas de Nova York, no Edificio Pfizer de Nova York, e nas feiras de arte Photo LA, Art on Paper NYC e The Other Art Fair, presentada pola galería Saatchi Art en Londres, Nova York, Dallas, Los Angeles e Chicago. Ademais de ocupar a portada do catálogo de outono da galería Saatchi Art (2019), e de revistas internacionais coma o New England Review (NER), Die Zeit Magazine (Alemaña), PRISM International (Canadá) e o Photo World Magazine (China), os “Time Lapses” de Xan Padrón foron seleccionados para o programa Art on Link (#ArtOnLink) da cidade de Nova York (LinkNYC, CityBridge 2020), chegando a ser expostos nas máis de 1700 pantallas dixitais (e públicas) espalladas por toda a cidade.

No ano 2019 o proxecto gañou o terceiro premio no The CENTER Editor’s Choice Award, seleccionado por MaryAnne Golon, a directora de fotografía do The Washington Post.